Saturday 20 de April de 2024

O Concello comprométese a colaborar e a defender a actividade da RAG


A alcaldesa Inés Rey e o presidente da academia, Víctor F. Freixanes, tiveron esta mañá unha primeira toma de contacto en María Pita

A alcaldesa Inés Rey e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, reuníronse esta mañá no Concello, no que foi unha primeira toma de contacto de carácter institucional onde “falamos do papel tan importante que ten a RAG na defensa de promoción da nosa lingua, pero tamén o vencellada que está coa cidade”, salientou Rey. Engadiu que o Goberno local asumirá a súa responsabilidade para colaborar e defender a actividade dunha entidade que naceu na Coruña en 1906 e que durante moitos anos estivo acollida no mesmo Pazo de María Pita, tal e como recordou o seu responsable.

A rexedora sinalou que haberá un segundo encontro en outubro coa súa visita á sede da rúa Tabernas, pero que, en todo caso, a relación da RAG coa Coruña é histórica. Freixanes apuntou que ten unha significación grande porque cando a RAG se creou “elixírona non por un casual, senón porque nese momento a principios do século XX era a cidade da modernidade e do galeguismo”.

O presidente da academia destacou que atopou na alcaldesa “unha sensibilidade grande e esperamos concretala en futuros proxectos”. Pola súa parte, Rey indicou que o galego está na actividade diaria municipal e nas intervencións públicas “como non podía ser doutra forma”.

Na reunión, Freixanes manifestou a necesidade de conseguir apoios económicos para o funcionamento dunha institución que debe “comprometer as cidades de Galicia e as novas xeracións, que se incorporan á lingua e á cultura e que deberían

encontrar a lingua nos servizos, espazos de lecer e ocio, a publicidade, as empresas, a produción audiovisual, a produción na rede” e depende, segundo Freixanes, dunha alianza entre as institucións, a iniciativa privada e a política, “nós temos que seducir e non impoñer” e conectar coas necesidades e a demanda da xente nova.